A consellería do Mar da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica ven de aprobar a concesión dunha axuda para a realización do proxecto de investigación e desenvolvemento denominado XESMORINM (Mellora da supervivencia de semente de bivalvos no mar. Xestión para o control de mortalidades e inmunoprotección), que levará a cabo Proameixa en colaboración co departamento de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e que ten como obxectivo axudar á produción sostible de semente de bivalvos no mar, mediante a aplicación práctica de coñecementos microbiolóxicos para a xestión.
Este proxecto, que se iniciou no pasado mes de setembro, estase a levar a cabo no marco da convocatoria da Xunta de Galicia de axudas para fomentar a innovación, a mellora tecnolóxica e a competitividade no sector da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e está previsto que conclúa en setembro de 2025.